Ver
Versión en

Fracaso ¿escolar?
Desde hai uns anos,
periodicamente, os medios fanse eco en grandes
titulares de estatísticas, cifras, porcentaxes sobre
os rapaces e rapazas que non son quen de acadar o
nivel de rendemento medio para a súa idade na escola
ou no instituto. Estamos a referirnos, polo tanto, a
resultados académicos, ás calificacións, ou o que é
o mesmo, a suspensos, en terminoloxía máis popular.
Tamén falamos de mozos e mozas que abandonan o
ensino obrigatorio sen a titulación axeitada para a
súa idade, é dicir, aqueles que non acadan o título
académico mínimo no remate da Educación Secundaria
Obrigatoria (ESO), nada menos que despois de cursar
dez cursos escolares, e a quen culaificamos, sen
rubor, como persoas “fracasadas”.
Si miramos as cifras,
efectivamente, un 29% do alumnado non supera a
Primaria, un 35% a Secundaria Obrigatoria, o 48% o
Bacharelato e o 50% a Universidade. O primeiro que
chama a atención é que a medida que ascendemos no
sistema educativo os niveis de “fracaso”
aumentan considerablemente aínda que tendemos a
centrarnos, só, no ensino obrigatorio. En
calquera caso, os datos, todos eles, sen dúbida
algunha, son preocupantes, superan notablemente a
media de UE. Polo tanto, temos un problema, e
cando digo temos non me estou a referir só ó
profesorado senón a toda a comunidade educativa e á
sociedade.
Como poder verse, non son eu
partidario do termo “fracaso escolar” pois
este concepto, aparte das connotacións negativas que
ten, dado que identifica alumnos e alumnas sen
titulación con persoas fundidas, malogradas..., se
circunscribe –ademais- unicamente ó ámbito interno
da escola. Dalgunha maneira estase a indicar que a
responsabilidade principal desta realidade negativa
está dentro dos muros escolares, é dicir, no
profesorado e no alumnado, mestres que non dan a
talla e cativos que pasan. Penso que esta é a
lectura máis común entre a opinión pública non
especializada. E tendemos, ademais, a identificar
reiteradamente os datos negativos coa escola
pública. Nada máis inxusto. Parece como que calquera
ocasión é boa para arremeter contra
a escola de todos e de todas.
Si preguntamos ós profesores
e profesoras, ós equipos directivos, probablemente
insistan en que o problema ten máis que ver coas
familias, coa superprotección e o consentimento, coa
falla de dedicación, coa cultura do mínimo esforzo,
coas desestructuracións e as carencias, etc. Sen
embargo, como en case que todos os temas, as
causas do fracaso, chamémoslle mellor social,
non son simples nin unidireccionais. Unhas,
efectivamente, teñen que ver co alumnado e co
profesorado, están dentro, loxicamente, outras fora
(familias), no sistema educativo (administracións) e
tamén, como non, ten que ver con factores
socioeconómicos, históricos e culturais.
Entre as primeiras podemos
citar que existen trastornos na aprendizaxe e tamén
emocionais, aquí e en todas partes, dislexia,
hiperactividade, déficits de atención, atrasos,
depresión, baixa autoestima, ansiedade... que non
podemos obviar. Outras causas teñen que ver
coa irregularidade na escolarización, cos constantes
traslados de centro, co absentismo. E tamén coa
sobrecarga de contidos, cuns currículos inadecuados,
coa masificación nalgúns casos, coas carencias
formativas do profesorado, a ausencia ou escaseza de
practicas dos futuros profesores e profesoras, a
falla de atención individualizada e á diversidade,
metodoloxías anacrónicas...
Existen, como non, causas de
carácter extraescolar: unha moi limitada implicación
familiar e mínima participación na xestión e no
seguimento, a atracción do salario fácil que
promoveu a burbulla inmobiliaria entre o alumnado,
hoxe en paro, a presencia de moitos rapaces e
rapazas inmigrantes con niveis académicos máis
baixos, con grandes dificultades de comprensión
lingüística e lectora... E por último, non
deberíamos esquecer que arrastramos presupostos
educativos moito máis baixos que os nosos veciños da
UE, sen chegar ó 4% do PIB, cando a media europea
supera o 6% desde hai moitos anos.
Compre destacar un dato ben
significativo como é que o fracaso é maior nos
varóns que nas rapazas. Son elas as que acadan os
mellores resultados. Son eles os que abandonan antes
o sistema educativo, un dato que establece unha
relación directa entre o fracaso e o xénero moi
preocupante, que apunta na idea de que, para eles, a
educación non é o mellor nin o máis rápido medio de
progreso social.
Mais á hora de buscar
solucións a este problema social, teriamos
que diferenciar as políticas educativas internas ó
propio sistema escolar, que teñen que ver con
incrementar os recursos, coa mellora das
metodoloxías didácticas, coa formación do
profesorado, a inicial e a permanente, cunha mellor
atención á diversidade, co clima escolar, coas
ratios, cos reforzos, etc. e que dependen, moito,
dos orzamentos, como calquera pode imaxinar, mais
tamén coa dignificación da profesión docente, coa
ilusión, co compromiso e a esixencia, coa
avaliación. Por certo, o saqueo ás nóminas na extra
de Nadal, desde logo, non axuda (máis de 600€)
ademáis do recorte salarial mensual como a todo o
funcionariado...
E aquelas outras medidas de
carácter máis social na procura dunha maior
implicación de pais e nais na educación e na
xestión, dos servizos sociais dos concellos, etc.
tamén están relacionadas coa inversión en educación.
Esa é a clave. Todo o demais é falar por falar...
Manuel Dios
é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola
USC, preside o Seminario Galego de Educación para a
Paz.
Manuel Dios Diz
é mestre, profesor de instituto, licenciado en
Xeografía e Historia pola USC. Preside o
Seminario Galego de Educación para a Paz.
Publicado el 03 de febrero de 2011
Enviar a un amigo
RELACIÓN DE ARTÍCULOS
PUBLICADOS en
EDUCAsites.net
Búsqueda de Artículos en Google Académico: