Ver
Versión en

Moito
máis ca un conto...
30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz
Xa son moitos anos promovendo
a celebración do Día Escolar pola Paz en Galicia.
Desde finais dos anos ’70 e principios dos ’80,
algúns profesores e profesoras, uns acá e outros
acolá, como diría Manuel María, viñamos
seguindo a iniciativa do DENYP, Día Escolar da
NonViolencia e a Paz, e do inspector de
educación mallorquino, Jorenç Vidal, de levar
a colexios e institutos a mensaxe e o pensamento
pacifista, na data en que conmemoramos o aniversario
da morte de Mahatma Gandhi.
Daquela, a simple proposta de
realizar actividades de centro e de aula, nesa data,
rozaba a provocación. Para uns era unha forma de
promover o amansamento, para outros unha ocorrencia,
os mais, indiferenza absoluta. Sen embargo, moi
poucos anos despois, a Educación para a Paz
convertíase nun eixe transversal obrigatorio do
currículum (1990) e, desde aquela, a difusión da
iniciativa, unha constante. Tanto, que hoxe xa case
que é unha rutina. A maioría dos colexios e
institutos galegos teñen o Día Escolar pola Paz
no seu Plan de Centro, figura como unha data fixa no
calendario, e as suxestións do Seminario Galego
de Educación para a Paz, son seguidas e
consultadas por moitos profesores e profesoras,
mesmo temos unha materia, Cidadanía e Dereitos
Humanos, que acolle os principais contidos do
movemento de educadoras e de educadores para a paz.
Nun anuncio que están
emitindo varias televisións en Galicia, con motivo
do noso 25 aniversario, insístese en que a paz
non pode ser, simplemente, un conto de pombas e
globos, flor dun día, un acto tranquilizador das
nosas conciencias, unha festa para os cativos. O 30
de Xaneiro, a efeméride pacifista por excelencia,
xunto co 10 de decembro, Día Internacional dos
Dereitos Humanos, teñen que ser datas para
recordar, para recordarnos, que non vivimos no
mellor dos mundos posibles, que somos uns
privilexiados, pois nacemos nos barrios ricos do
planeta, que necesitamos fomentar a empatía e a
solidariedade, cada día e todos os días, que non
existe paz sen xustiza, a xustipaz, e
que a paz, empeza por un mesmo, por unha mesma,
facendo as paces, primeiro con nós mesmos, e logo
cos demais. E todo iso non pode reducirse ó 30 de
Xaneiro.
Federico Mayor Zaragoza
afirma que “A expresión suprema de cultura é o
comportamento cotiá”, son os nosos
comportamentos e actitudes, a nosa conduta, cada día
e todos os días, as que permitirán (ou non)
construír cultura de paz, a paz como cultura da
palabra, do diálogo, da concordia, fronte da
imposición, o dominio e a forza.
Facer as paces, substituír a
cultura da violencia pola cultura do entendemento,
da man tendida, non se reduce a educar para a paz,
para os dereitos humanos e para a democracia, o que
xa é moito, en si mesmo, senón que ten que ver,
tamén, coa superación da exclusión e a pobreza
(Obxectivos incumpridos do Milenio), co
diálogo intercultural e interrelixioso (Alianza de
Civilizacións fronte do choque de ignorancias) e
resolución pacífica dos conflitos, para consolidar e
prever a paz (Convivencia Escolar).
O 2011 ven de declararse como
Ano Europeo do Voluntariado. Por iso, en
tantos colexios e institutos estamos falando nestas
datas desas persoas extraordinarias, anónimas, que
non saen con frecuencia nos telexornais, e que
deciden doar gratuitamente o seu tempo á causa da
paz e da solidariedade. Son moitas, de toda
condición, mozos e mozas, persoas xubiladas,
profesionais... convencidas de que poden e deben
aportar o seu grao de area á axuda humanitaria.
Porque iso é, precisamente, convivir, compartir,
partir con, en especial cos que máis o
necesitan, aquí ou lonxe, nos barrios empobrecidos
de calquera lugar porque, como di a Carta da
Terra, somos unha única familia humana.
Dicía María Zambrano:
“A paz é moito máis que unha toma de postura, é
unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo
de habitar o planeta, un modo de ser persoa”
A aprendizaxe da democracia é
a mellor pedagoxía da paz. E na cartografía dos
afectos e dos sentimentos, esa que deseñamos nas
familias, en calquera modelo de familia existente,
sobre a base do cariño e do amor, alí está o secreto
mellor gardado para a prevención das violencias,
porque son os afectos e os sentimentos, os seus
mellores antídotos.
O Día Escolar pola Paz
é importante, mais a paz, como dixemos, ten que ser
moito máis ca un conto –efémero- de pombas
e globos.
Manuel Dios Diz
é mestre, profesor de instituto, licenciado en
Xeografía e Historia pola USC. Preside o
Seminario Galego de Educación para a Paz.
Publicado el 13 de enero de 2011
Enviar a un amigo
RELACIÓN DE ARTÍCULOS
PUBLICADOS en
EDUCAsites.net
Búsqueda de Artículos en Google Académico: